Tuesday 21 de May de 2024

Xornada participativa para as familias para compartir inquedanzas e propostas sobre a educación


O sábado 26 de novembro está convocada unha xornada dirixida a todas aquelas familias, con menores ao seu cargo, que queiran participar nun encontro de participación no que compartir inquedanzas, explorar necesidades, facer propostas e tecer redes, contribuíndo a facer comunidade. É unha actividade aberta a todas as familias de Oleiros, que forma parte do programa municipal Familias Inquedas. Será de 10:00 a 13:00 h no salón do Centro Municipal de Formación de Oleiros situado na urbanización Os Regos.

Nesa xornada, a través de distintas dinámicas, as nais e os pais de Oleiros, participarán nun proceso no que compartirán as súas experiencias e visións sobre a crianza das súas fillas e fillos, recollendo as súas necesidades, propostas e ideas para construír unha comunidade e un entorno o mellor posible para o desenvolvemento das responsabilidades familiares.

As inscricións á Xornada Familias Inquedas serán na web municipal www.oleiros.org a través da sede electrónica, no apartado catálogo de trámites, a partir do luns 21 de novembro ás 10:00 h e ata o xoves 24 de novembro ás 23:00 h.

Están invitadas a participar tanto as persoas que asistiron aos distintos obradoiros deste programa nos últimos anos como calquera persoa interesada que se atope nesta situación.

A sesión estará dirixida por unha persoa experta en procesos de facilitación que, a través de distintas dinámicas, guiará a xornada e recollerá as propostas que alí se elaboren.

O obxectivo é ofrecer ás familias un espazo onde reflexionar conxuntamente sobre as súas preocupacións para construír entre todas un entorno colaborativo mellor e máis propicio para a crianza.